Thursday 02 de May de 2024

O CIM da Mancomunidade convoca a segunda sesión do programa Aloumiño: A plena vivencia da nosa sexualidade


 

Impartida por ACADAR, a xornada terá lugar este venres en horario de mañá e está especialmente dirixida a mulleres con algún tipo de discapacidade
O CIM da Mancomunidade de Ordes anuncia a segunda sesión do programa Aloumiño: A plena vivencia da nosa sexualidade, a cal se desenvolverá este próximo venres 28 de xuño de 10 a 14 horas no auditorio da Casa da Cultura.
Este programa está impartido pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) e está especialmente dirixido a mulleres con diversidade funcional da comarca de Ordes. A súa finalidade máis inmediata é poder ampliar coñecementos sobre a sexualidade dende unha perspectiva positiva e de xénero que contribúa á vivencia positiva e satisfactoria. Entre os obxectivos máis específicos figuran os de afondar na sexualidade humana e o coñecemento da anatomía; identificación dos dereitos sexuais; recoñecemento da diversidade de prácticas eróticas de xeito saudable, seguro e pracenteiro; fomento da autoestima e actitudes positivas de cara ao propio corpo e ao dos demais; e a achega de ferramentas para previr e afrontar posibles abusos sexuais.
Un contido que se impartirá procurando a participación e implicación de todas as asistentes creando unha dinámica grupal positiva. Empregarase material didáctico que se exporá a través de medios audiovisuais e aplicando dinámicas que permitan recoller información de xeito empírico e activo. A atención ás asistentes tamén se fará individualmente, podéndose resolver as dúbidas ou demandas tanto presencial, telefonicamente ou mediante novas tecnoloxías.
Aloumiño é un programa cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza da Xunta de Galicia en estreita colaboración con ACADAR. Precisamente unha das ferramentas máis importantes do programa é a guía Violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, elaborada no pasado ano. Unha publicación na que se destaca o incremento de posibilidades por parte das mulleres con discapacidade de vivir situacións de violencia sexual debido ao contexto de desigualdade interseccional.
A do próximo venres será a segunda sesión que teña lugar en Ordes, contando na primeira delas con arredor de 15 mulleres inscritas. No caso de que algunha persoa desexe apuntarse poderá facelo nas oficinas do CIM da Mancomunidade de Ordes, situadas nos baixos da alameda de Ordes, ou ben chamando ao 981682108.